A moeda dunha lira italiana foi a moeda representativa da unidade do sistema monetario da lira italiana, vixente desde a unificación do Reino de Italia en 1861 ata a implantación do euro en 2002.
Inicialmente, durante o reinado de Vítor Manuel II (1861-1878), as moedas dunha lira cuñáronse en prata de 900 milésimas, mais en 1863 rebaixaron a súa lei a 835 milésimas. Logo da primeira guerra mundial, a moeda dunha lira pasou a cuñarse en níquel entre 1922 e 1938, cun diámetro superior, e finalmente en acmonital, a partir de 1939, tamén cun diámetro lixeiramente superior.
Tras a caída da monarquía, as moedas dunha lira cuñáronse nunha aliaxe de aluminio (96,2 %), magnesio (3,5 %) e manganeso (0,3 %) coñecida como italma, e cun diámetro e peso progresivamente superiores.
A partir de 1968, a moeda dunha lira pasou a emitirse exclusivamente para formar parte das presentacións especiais para coleccionistas producidas e comercializadas pola Casa da Moeda Italiana.